socioeco.org
Site ressources de l’économie sociale et solidaire

REAS Galicia

www.economiasolidaria.org/

Un pouco de historia: No ano 1988 a creación de ABSE (Asociación para a banca social e ecolóxica) en todo o Estado, que tivo dous anos de vixencia, deu paso a REAS en 1995. ABSE GALICIA participou na fundación de REAS. No ano 2000 REAS pasou a ser unha Rede de Redes a nivel estatal e ABSE GALICIA deu lugar a REAS Galicia. Despois dunha traxectoria na que se montaron diversas cooperativas con sección de crédito que puideran cubrir diversas necesidades, como vivenda, consumo, traballo, vida comunitaria e agricultura ecolóxica, seguiron sumándose outras entidades, proceso que esperamos continúe nun futuro próximo.

A Economía Solidaria redefine o papel da economía, poñéndoa ao servizo das persoas, na procura dunha sociedade máis xusta e sustentable. Neste senso, as empresas que se comprometen cos principios da Carta Solidaria convértense en instrumentos de transformación social, ademais de procurar o apoio mutuo entre os seus membros.

Poden formar parte de REAS Galicia todas aquelas entidades que o soliciten e se comprometan a cumprir cos cos seus fins e o estipulado nos seus Estatutos, unha vez aceptadas pola Xunta Directiva e ratificadas pola Asemblea Xeral.

Na actualidade REAS Galicia está formada por entidades pertencentes aos sectores de produción e transformación ecolóxica, comercialización de produto ecolóxico e comercio xusto; tecnoloxías da información e a comunicación; deseño gráfico; bioconstrución; inserción sociolaboral; difusión, animación e produción cultural e educativa; artesanía; e apoio ao cooperativismo.

REAS Galicia ten como obxectivos impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e o medio ambiente en todos os ámbitos (produción, comercialización, construción, servizos…). Apoia, así mesmo, o desenvolvemento de recursos financeiros éticos e solidarios. E pretende difundir e dar a coñecer a Economía Solidaria na sociedade galega e aumentar, na nosa comunidade, o tecido empresarial con características éticas e solidarias